Peço desculpa por o texto estar em galego, mas para quem entende Português, não terá nenhuma dificuldade:
Esta noite máxica desde os tempos máis remotos, e que coincide coa celebración do solsticio de verán (a noite máis curta do ano), ten na nosa terra unhas características moi especiais. É a noite do lume, das lumeiradas, fogueiras, cachelas ou cacharelas; da auga, reviven as propiedades das fontes santas e milagreiras, das nove ondas do mar (purifican e fecundan), do orballo; e tamén do mundo vexetal.
Esta noite as plantas acadan o mellor das súas propiedades curativas e máxicas. Por iso, estas recóllense para poñelas nun caldeiro con auga. Alí teñen que quedar ó orballo da noite e pola mañán tódolos membros da casa, en especial os nenos e as nenas, lávanse con esta auga milagreira.
Pero nesta noite é o lume o elemento principal e protagonista, purificador que queima as impurezas e as malas herbas.
As fogueiras acéndense nas primeiras horas da noite, sempre despois da cea. É tradición chimpar por riba da fogueira; ten que se facer varias veces, sempre un número impar e chimpando dunha vez para un lado e outra vez para outro. Ao acto de chimpar chámanlle en moitos lugares "salvar o lume" o que se acompaña do recitado do seguinte retrouso:
“Sálvame lume de San Xoán/ que non me trabe nin cadela nin can/nin cobra nin cousa que durma fóra”.
A noite de Sanxoán é propia tamén para adiviñar o porvir, xeralmente en cuestións amorosas.
Chimpando por riba das fogueiras, feitas con leña verde para afumar ás bruxas, pódese saber o futuro. As mozas e os mozos que salten ou "salven" a fogueira un número impar de veces, sen tocar o lume, casarán nun ano.






